Eu fun un meniño de aldea

niños aldea felicidad

niños aldea felicidad
Si, concibido en Vigo e nado na aldea de Fornelos da Ribeira como era costume; alí foron nados, a miña avoa, o meu tío avó, Rogelio Estévez Cambra, e posiblemente os fillos de Clemente Francisco Cambra e Rivas e sobriños que emigraron a Arxentina polos anos 1.820 adiante.

Eu fun un meniño nado na aldea, e atopeime moi ben, e como eu, moitos dos que enchen as rúas de vilas e cidades; atopeime ben nos anos que vivín nela. Fun un rapaciño da aldea.

Erguíame cedo para ir a escola pública da parroquia de San Andrés de Lourido. De feito había que erguerse, non había mais remedio, para ser de maior un home de proveito. No meu caso, así foi. Non teño queixa.

Dous quilómetros, mais ou menos, do eido familiar de Cambra ata Eido Vello, en Lourido, un día si e outro tamén. Un pouco canso, tal vez. O saír da escola, mentres ia para o fogar, os meus compañeiros xa os estaban esperando para traballar, uns na recolleita da herba, outros botando o gando e outros para coidar dos seus irmáns, mais cativos …

Pero non todo era tristura, apesares da situación política de entón, non. Coñecías a natureza, vías a saída do sol e a lúa, sabías das plantas, coñecías os paxariños: O merlo, o chasco, o xílgaro, as andoriñas, o pardal, ¡que sei eu! Gozabas da verde paisaxe da terra, vías o regueiro “Rivera” tódolos días, as bolboretas. Nunha palabra: Eras feliz.

Tamén, moitas veces, na invernía, mollábaste, tiñas frío, sentías a roupa mollada, que se che pegaba o lombo, tremías co frío, e a escola chegabas cheo de lama. Pero tiñas que seguir indo, para o futuro.

¡Oes! O lonxe oias o can que ouveaba, chovía miudiño, ollabas pra os tellados e vías que a aldea estaba tristeira. Soaba o vento. Lembrábaste de viaxar, emigrar para outros sitios, uns o final o fixeron para Suíza, Alemaña ou Francia, eu o fixen para o Pais Vasco, pero non podes, tes que estudar ata a noite. Chegas o fogar canso, quedas a durmir e soñar, … e pensas sempre nos traballos que están facendo a diario os labregos. Sempre a traballar sen acougo.

Pola maña cediño, aínda tiñas sono, pero sentías ruídos e comezabas a espertar, a estirarte, a espreguizarte. Fretabas os ollos e ¡adiante! Si, fretábalos ollos, porque aínda tiñas algún sono mais, e pouco a pouco empezabas a ver o arredor de ti. Estabas na escola, atopábaste cos teus compañeiros …

Pasaron 80 anos, e hoxe volves a vivilo. Quedas ledo, moi ledo e vas sentindo como a ledicia che percorre o corpo, as pernas, os brazos. Vas espertando paseniño … ata ¿Cándo? Aí está o dilema.

Síguenos:

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion