O Merlo e a Merliña na Figueira

merloÉ o Ceo e a Terra, é a sensibilidade, é o sentimento e é moitas outras cousas formando unha soia dimensión.

Cando eu era meniño, agora xa teño oitenta e dous anos, os paxariños mais cariñosos para min, eran os merlos; é dicir: O Merlo e Merliña. Na figueira da horta da miña madriña, no rueiro do Casco, na parroquia de Fornelos da Ribeira. Terra dos meus antepasados Cambra, despois dos Estévez Cambra, moitos deles emigrantes en Arxentina.

Para min, entón con poucos anos, ver o Merlo e mais a Merliña, encarapuchados na figueira coméndolle a miña madriña os figos, era unha ledicia espantalos silenciosamente pola secreta mensaxe que xurdía da parella, era para min saudades de cobizas ecuménicas.

Hoxe, sen saber por que é nin porque non, escoller as verbas daquela parella de paxariños de merlos, é tratar de entender, a profundidade da esencia mesma da vida, da paisaxe e das cousas de meniño, limpo de prexuízos, de complexos, de fachendosas esencias e “sabencias” de cativo, que os meus sinceros ollos souberon ver, nestes paxariños, a secreta mensaxe, comendo os figos, con toda liberdade, sen complexos, que todos acertan sempre a conservar a sinxeleza dos rapaces, que coma eu troulaban na ledicia dos magostos, por exemplo, na invernía no rueiro do Casco, ou das “ribeiranas” na festa patronal de San Xoán.

Aquel realismo de o Merlo e Merliña tan subxectivo como ollado, viume a min agora, como o misterioso senso erótico coa parella de merlos en contacto coa natureza. É dicir: “Unha comuñón tremenda e emocionada que fixo en min a sensibilidade que latexou en esforzarme, en xuntar o través da “alma – terra”, anacos soltos da miña vida.

O Merlo e Merliña na figueira é, o Ceo e a Terra; é a sensibilidade é a sensualidade; é a intelixencia e o sentimento. É todas as cousas. É a forma dunha soia dimensión na aureola da eternidade. É ver hoxe, como se debroca sobre nos, a raiola morna da vida.

Síguenos:

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion