O Castelo de Salvaterra do Miño

salvaterra do miño

Esta nosa vila de Salvaterra, garda coa súa maxestosa fortaleza, tan coidada hoxe, a supervivencia do paso do tempo e os múltiples contidos librados por URRACA, a súa irmán TERESA, PEDRO MADRUGA, e as guerras irmandiñas e a ocupación portuguesa.

Pouco nos interesou a historia do noso Condado de Salvaterra do Miño, a pesar da súa historia, nada no século XII, cando Fernando II, decidira fortificar a terra das incursións portuguesas, pasando a ser en vez de Lazoiro, Salvaterra.

Sempre me gustou percorrer a capital do Condado, xunto a ponte que nos unes, xusto no centro da vila.

A riqueza histórica de Salvaterra, a Casa do Conde, as Covas de Urraca, a escaleira de dobre caracol coa súa lenda do túnel baixo o río Miño; todo e historia, se queira ou non se queira.

A última vez que visitei Salvaterra foi con uns familiares arxentinos, e tiven a sorte, durante o camiño de pasear por todo o recinto. Observar a porta principal, a capela da Virxe da Oliva, escudos e lembranzas da ocupación portuguesa e o miradoiro aberto a Portugal con a vila de Monçao a vista.

Descoñecía que este conxunto histórico fora declarado no 1.949 “Ben de Interese Cultural”, que tanto nos honra, por ser un paraíso da nosa terra, e, o Río Miño, río de ilusión na que se conta, coa tradición oral, de personaxes mitolóxicos, como as feiticeiras, que vivían mesmamente no río, as covas de mouros arredor de Arbo, por exemplo, coas pedras na boca para que non puideran falar durante o traxecto.

Terra e río, embruxado, escondido noutros tempos, entre a néboa con curiosas romarías como a de Santa Marta de Ribarteme.

¡Que pouco valoramos este recuncho, entre ceo e terra, río e lendas!

Ir indo co tempo, o mes de Maio nos atrae para ir por os espazos naturais da Comarca, pasear por ela, saborear o viño e a lamprea, nos axudará a completar séculos de historia contemplando a ribeira e paisaxe do Miño e Tea.

E, por último, visitar a miña terra nai, Fornelos da Ribeira, entre as cores cálidas, da carballeira das Fraguiñas, centro neurálxico do pobo que sabe apostar polas tradicións e polo futuro.

Eu os propoño unha ruta que os pode levar dende a Igrexa de San Xoán, cos seus retablos barrocos, ata a Igrexa de San Salvador de Leirado, e o seu campanario, sen deixar atrás a Santa María de Oleiros ou as ermidas de Lira e Pesqueiras, a capela da Luz e San Roque, así como os cruceiros e petos das ánimas. Outra, polos pazos de Lira, Barreiras, Fillaoa, San Amaro,Piñeiro e Souto, engadindo o Portalón da Inquisición, o Pazo Torre, de Petán, berce da nobreza e do bo viño.

E, para terminar, fago un brindes na Abadía de Tortoreos, completado fai algúns anos con un paseo relaxante, observando o cultivo do albariño, a súa historia e os seus argumentos.

Salvaterra, coa súa fortaleza e os seus paisaxes naturais herdados, cos grandes atractivos do viño, son os testemuñas orais que nos contan as mil e unha historias sobre esta nosa bendita terra. ¡A roela!

Síguenos: