Fornelosliando…

Fornelos Da Ribeira

Percorrer as terras de Fornelos da Ribeira, e percorrer verdadeiras terras de lendas, ritos e meigas, falando cos meus paisanos, que teñen, sen dúbida algunha, un intenso valor pola sinxeleza e categoría humana, que permite tomar notas, comentar e suscitar preguntas pechadas na voz da memoria común que se fora perdendo, algunhas con retorno.

Entre tanta riqueza como a nosa xente atesoura, as lendas serven e serviron para moitas cousas, aínda que ren se ateña a lóxica, pero nos serve de misterio, de admiración e asombro.

Buscando no baúl das encomendas, encontrei unha valoración profunda na relixiosidade e do respecto a tradición. O relixioso aparece como eixe central. Tamén, un imaxinario lendario ou mítico, que segue vivo na xente, que confirma os valores existenciais con leves variantes.

Sempre invito os meus amigos, a iniciar unha ruta en torno a esta terra dende o adro da Igrexa de San Xoán. Dende alí se pode observar unha espléndida panorámica deste fermoso lugar.

Coñeceremos algunhas historias do castelo que foi, ou casa forte dos Álvarez de Soutomaior. De como se foi minando todo ata perdelo, construíndose neste lugar a Igrexa de San Xoán, coa axuda dos Tábora.

Continuaremos a ruta polos demais vieiros; todos eles esconden segredos por descubrir. Os nosos pasos nos levarán ata o río Tea, para contemplar as aceñas de Moreira e Martín, destacando e desvelando os misterios dos Castro, Ozores, e outros mais, para regresar As Fraguiñas.

Visitalo rueiro de O Casco, a capela Santa Rosa, e dar fe da existencia de Clemente Francisco Cambra, cos seus dez fillos, cinco deles presbiterios.

De Ignacio Estévez de Castro, casado con unha das súas fillas, que forman a miña rama familiar. Eido onde aprendín a ler, cando o temperan anoitecer convocaba a miña familia en torno a unha mesa presidida por un candil e un braseiro nos acollía a todos. E como naquel tempo se nutría o meu espírito, coas lendas dos lobos, da raposa, as incribles historias ocultas do monte San Nomedio e o do oeste, en cada atardecer.

Aquelas lendas, incluído as do Quíxote de la Mancha, tiñan algo de ritual clandestino, da inversión de valores, nas que a mesma parella da garda civil, paseando de cando en vez, por aquí, sementaban medo, e na noite eran os reis dos sonos.

A miña nenez pasou, pero na miña memoria quedaron as historias que grande parte delas, vagan polo mundo como ánimas en pena e que queren recobrala vida.

Os valores, os tabús como a enerxía non morreron, se transformaron nun xirar incesante, e hoxe, me sinto na necesidade de tirar da vida, como fai Fornelos da Ribeira coas súas romarías e festas. En vez de incordiar nos robustece.

O mundo dun meniño, como o meu, era moi reducido, se foi formando coas imaxes e explicación dos maiores. Segundo a miña madriña Alfonsa Alonso Cambra (D.E.P.), era lendaria as campás da Igrexa que chegaba ata os rueiros da parroquia. As mulleres levaban faldras longas e negras, como as da miña avoa. E a isto había que sumar as oracións antes de deitarse, rodeada de cautelas e prohibicións. De aí, se pareza a un mundo de lenda, ou recinto sagrado quedo de obxectos venerables que non se poden tocar.

As veces penso que estas lendas non son mais que crenzas que xorden do principio dos tempos, e que desvelan a concepción que tiñan os nosos antepasados do mundo.

Por iso é necesario desprazarse ata este noso eido de Fornelos da Ribeira, para intentar visualizalo e fotografar todo o que ten de bo en cada lugar, en cada camiño, para goce dun e lembranza: “O destino nunca e un rueiro, senón, unha nova forma de velas cousas”. Acabouse.